Español  English  Deutsch  Italiano

 


Novas

Novembro 2003

Mesa do Xurado do Francisco MantecónO II Concurso Francisco Mantecón concentrou todas as miradas

A entrega de premios da segunda edición do Concurso Internacional de Deseño de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón tivo lugar en Vigo, nun acto presentado polo xornalista Fernando Ónega e que contou coa participación do presidente de Terras Gauda, José María Fonseca, e do deseñador Javier Mariscal, que coincidiron en gabar a calidade das obras recibidas e o éxito de convocatoria conseguido este ano co concurso.

O gañador, José Manuel Puga Molina, foi elixido entre 29 finalistas, que tiveron as súas obras expostas na Fundación Caixa Galicia de Vigo. O xurado concedeu tamén dous accésit, dotados con 1.500 euros cada un, ao deseñador madrileño Martín Valerio e ao uruguaio Alberto Rafael Rodríguez, e unha mención especial, non prevista nas bases, á obra da deseñadora australiana Joanna Gardener. Único premio deste tipo que convoca actualmente o sector vinícola, a segunda edición do Concurso Internacional de Deseño de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón vén marcada polo éxito de convocatoria. Recibíronse máis de 450 obras procedentes de Italia, Suíza, Venezuela, Arxentina, México, Colombia e de toda España, o que consolida o concurso coma un referente para o mundo do deseño internacional.

ABC, 29 de Novembro 2003

José Manuel Puga gaña o concurso de cartelismo «Francisco Mantecón»

Entrega diploma ao Gañador do Francisco MantecónO certame internacional foi convocado pola empresa galega Bodegas Terras Gauda

Javier Mariscal e Siro López formaron parte do xurado que resolveu esta segunda edición

O deseñador madrileño José Manuel Puga Molina é o gañador do II Concurso Internacional de Deseño de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón, convocado por Bodegas Terras Gauda, e dotado con 6.000 euros. O xurado, no que figura Javier Mariscal, seleccionouno entre os máis de 450 deseños de autores internacionais que se presentaron este ano ao concurso.

A entrega de premios tivo lugar onte en Vigo, nun acto presentado polo xornalista Fernando Ónega e que contou coa participación do presidente de Terras Gauda, José Mª Fonseca, e do deseñador Javier Mariscal, que coincidiron en gabar a calidade das obras recibidas e o éxito de convocatoria conseguido este ano co concurso.

La Voz de Galicia, 29 de Novembro 2003 máis información

O concurso de cartelismo Francisco Mantecón expón os deseños finalistas

Exposición obras presentadas ao Francisco MantecónO nome do gañador farase público o 28 de novembro en Vigo. Mentres, pódense facer quinielas cos 29 deseños finalistas no II Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón. Están na sede viguesa da Fundación Caixa Galicia desde o luns 17 ata finais de mes. Calidade, orixinalidade e innovación son características da mostra, que se consolida como plataforma para os novos creadores e consegue un novo rexurdir do cartelismo en España. Estará aberta ao público en horario de seis do serán a nove da noite.

Oito dos deseños finalistas do concurso convocado por Terras Gauda son de autores galegos, que foron seleccionados entre máis de 450 obras procedentes de Italia, Suíza, Venezuela, Arxentina, México, Colombia e de toda España. O nome do gañador darase a coñecer nun acto que se celebrará o día 28 de novembro en Vigo. Presentado polo xornalista Fernando Ónega, contará tamén coa participación do deseñador Javier Mariscal e o presidente de Bodegas Terras Gauda, José María Fonseca. Este último será quen faga entrega ao gañador do primeiro premio de 6.000 euros.

Diario de Pontevedra, 15 de Novembro 2003

Outubro 2003Membros do Xurado do Francisco Mantecón

 

 

Mariscal entre albariños

O creador de Cobi estivo onte no Rosal para formar parte do xurado do concurso de cartelismo Francisco Mantecón, que convoca Terras Gauda

Internacional. O concurso de cartelismo Francisco Mantecón non necesitou moito percorrido para adquirir proxección internacional. Así, na súa segunda edición, a adega Terras Gauda, organizadora do certame, viuse desbordada. Entre as máis de 400 obras presentadas chegaron traballos desde lugares tan dispares como Estados Unidos, Arxentina, Italia, Gran Bretaña, Colombia, México, Francia, Venezuela, Alemaña, Uruguai e, por suposto, de toda España. Ao xurado, que se reuniu onte na adega rosaleira, resultoulle moi difícil chegar a unha decisión. Entre os seus membros figura Javier Mariscal, sen dúbida o cartelista español máis coñecido. Á vista da carta de presentación do premio, o creador de Cobi buscou (e atopou) un oco na súa apertada axenda para estar onte no Rosal e, de paso, comprobar a pé de obra os méritos do albariño. "É un viño de carallo", sentenciou. Segundo me explicou, aínda que a creación no seu obradoiro non ten acougo, non estaba disposto a faltar a unha cita en Galicia. "O desastre do Prestige deixoume marcado. Non hai dereito", di.

Cando chegue hoxe a Barcelona seguirá preparando a inminente presentación da súa colección de móbeis para nenos, na que leva traballando un ano. Os seus xemelgos, que esta semana cumpren dous anos, tiveron boa culpa nesta dedicación. Como non podía ser doutra forma, moitas das pezas son fronteirizas, de xeito que segundo os gustos poden ser mesas, refuxios para se agachar, colectores... Tamén prepara o espacio que o Museo da Ciencia de Barcelona dedica aos nenos. E un proxecto estrela, aínda no seu comezo, da man dos irmáns Trueba: unha longametraxe de debuxos animados para adultos que discorre en Cuba, un dos seus países fetiche. "Sempre que viaxo a Cuba regreso cunha chea de apuntes. É que todo alí di debúxame", asegura.

A xeito de homenaxe. Terras Gauda concibiu o premio coma unha permanente homenaxe a Francisco Mantecón, o pintor ao que un día José María Fonseca embarcou no proxecto da adega. Fonseca adoita contar que, como a idea naceu con máis ilusión que cargos, o único que puido ofrecer a Mantecón para se facer co seu traballo foi unha presa de accións, daquela sen valor. Por amizade, e porque creu na idea desde o primeiro momento, o artista aceptou. Así foi como naceu o logotipo oficial. A prematura morte de Mantecón truncou o traballo en común. Nun intento de encher o oco artístico que deixaba, ideouse o concurso. O traballo premiado, dotado con 6.000 euros, utilízase na campaña publicitaria das adegas durante un ano. Comparten o xurado canda Mariscal o presidente e o xerente de Terras Gauda, José María Fonseca e Enrique Costas, respectivamente; Pilar Barreiro, viúva de Mantecón; Siro López, ilustrador de La Voz de Galicia; Modesto Martínez, gañador da primeira edición, e o filólogo Paulino Novo. dictame farase público o 28 de novembro.

La Voz de Galicia, 28 novembro 2003

Xavier Mariscal
Deseñador, pintor, escultor, debuxante....

"O bo deseño fai a vida cotiá mellor e máis feliz"

O autor de Cobi exerceu onte en Pontevedra de xurado dun concurso de cartelismo

Na cultura popular, o nome de Mariscal asóciase ao da criatura que pariu como mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona. Pro Cobi é só unha mostra do traballo deste valenciano, que vai desde o deseño ao mundo da historieta, sen descoidar a escultura ou a pintura. Incluso, como ocorría onte co concurso de cartelismo "Francisco Mantecón", organizado por Terras Gauda, acude a Galicia para facer horas extras como xurado.

- ¿Segue convencido de que en imaxe, o PP fixo retroceder a España 40 anos?

- Unha política pode favorecer unha tendencia ou outra. Do mesmo xeito que están a destruír a escola pública e non hai unha política de verdade para poñer ao día todo o ensino e formar unha sociedade máis tecnolóxica, e tampouco se afrontou a investigación, en política de deseño, a imaxe que oficialmente están a dar as institucións é que seguimos cunha especie de atraso, de mirada cara a atrás, e isto represéntao o partido que está no poder, sobre todo o de Madrid.

- Pero na sociedade as cousas semellan diferentes ...

- Si, a sociedade segue facendo as súas cousas e hai un dinamismo e cada vez, aínda que non é abondo, hai máis empresas que apostan por unha estratexia de deseño.

- Como xurado dun concurso de carteis, ¿opina que é un formato válido?

- Si, sempre será válido. As rúas están cheas de carteis, e un valo non deixa de ser unha versión apaisada do cartel. Segue vixente e funcionando ben como elemento gráfico para comunicar unha idea.

- Defende que o deseño inclúa un compoñente "poético". ¿Casa iso ben coa funcionalidade?

- Un deseño que se limite só á función non é só primitivo, senón tamén equivocado. Calquera mensaxe ou obxecto ten un valor engadido que debe ser cultural, comunicar unha serie de valores. Refírome a iso co de carga poética.

- Ao esaxerar a importancia do exterior, ¿non perde papel o contido?

- Non. O deseño rodéanos continuamente. Calquera obxecto está deseñado, mellor ou peor. Pero o bo deseño fai a vida cotiá mellor, máis feliz e máis cómoda. Trátase de facer obxectos bonitos, baratos e útiles, e que nos permitan soñar máis.

- A sombra de Cobi ¿é moi alongada?

- No ámbito popular sempre serei o "papá" de Cobi. É estraño que a un deseñador se lle coñeza por un traballo. Ten que ser algo excepcional. A min neste caso tocoume a sorte ou a lotería de gañar aquel concurso e facer un traballo que foi polémico, pero tamén entrañable, e a xente colleulle cariño.

Faro de Vigo, 28 outubro 2003

Cincocentas obras de deseñadores optan ó premio do Francisco Mantecón

Javier Mariscal reúnese en Bodegas Terras Gauda co xurado do concurso

O éxito da convocatoria desde concurso internacional de Cartelismo Publicitario consolídao como referente para o mundo do deseño en xeral.

Obras de deseñadoresMedio millar de obras presentáronse este ano á II edición do Concurso Internacional de Deseño de Cartelismo Publicitario "Francisco Mantecón" convocado por Bodegas Terras Gauda. O deseñador Javier Mariscal forma parte do xurado que se reúne o vindeiro luns para avaliar deseños chegados de países como Estados Unidos, Alemaña, Italia, Gran Bretaña, Francia, Venezuela, Arxentina, Uruguai, México, Colombia e toda España. Este éxito de convocatoria converte ó Francisco Mantecón na pedra de toque do rexurdir da tradición do cartelismo no noso país. Que o mundo do deseño internacional o acollese tan favorablemente fai que o certame se consolide como cita indispensable para profesionais de todo o mundo, conseguindo o seu obxectivo principal.

Un obxectivo que é actuar de plataforma para os novos creadores e recuperar a posición e a tradición que o cartelismo tivo no seu día no campo da publicidade. Ademais dun premio en metálico de 6000 euros para o gañador, o cartel premiado utilizarase na campaña publicitaria das adegas Terras Gauda do ano seguinte, unha gran promoción para o artista, xa que estes viños están presentes en mercados internacionais e véndense en tres continentes. Tamén se conceden dous accésit de 1500 euros para os dous concursantes que queden finalistas.

Máis de 2500 persoas, entre deseñadores gráficos, creativos de axencias de publicidade, escolas de deseño e de belas artes, e responsables de portais e revistas especializadas en deseño nacionais e internacionais, foron convocados para esta segunda edición, que, coincidindo co Ano Internacional do Deseño, contou co apoio do deseñador Javier Mariscal. O concurso leva o nome do artista galego que deseñou a imaxe corporativa destas adegas, que preside José María Fonseca, e que se constituíu o ano pasado para asociar o mundo do viño co deseño, e como homenaxe a Francisco Mantecón, intelectual moi unido á vangarda da pintura e un dos fundadores do grupo artístico galego Atlántica.

ABC, 25 outubro 2003

Xullo 2003
Javier Mariscal e José María Fonseca

Mariscal, amb el cartellisme

Concursos: Xavier Mariscal va presentar ahir el segon concurs internacional de cartellisme publicitari Francisco Mantecón, organizat per les bodegues gallegues Terras Gauda. L'artista formarà part del jurat del certamen.

Mariscal, co cartelismo

CConcursos: Javier Mariscal vai presentar o segundo concurso internacional de cartelismo publicitario Francisco Mantecón, organizado polas adegas galegas Terras Gauda. O artista formará parte do xurado do certame.

Metro Directe, Xoves 17 de Xullo 2003

2500 deseñadores participarán no Concurso Francisco Mantecón

Bodegas Terras Gauda, de Galicia, presentou onte, na Fundación Palo Alto de Barcelona, a segunda edición do Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón. Este certame, que coincide co Ano Internacional do Deseño, é actualmente o único deste tipo no sector vinícola. O xurado está composto, entre outros, por Javier Mariscal, un dos máis importantes e prestixiosos deseñadores da actualidade; José María Fonseca Moretón, presidente da adega galega; e a viúva de Francisco Mantecón, Pilar Barreiro Mosquera.

Na edición deste ano convocouse a uns 2500 participantes procedentes do mundo do deseño gráfico, axencias de publicidade, escolas de deseño ou de belas artes, así como revistas especializadas en deseño. Os inscritos teñen que entregar as súas obras antes do próximo 29 de setembro. A decisión do xurado farase pública antes do 31 de decembro de 2003. O xurado outorgará un premio en metálico de 6000 euros para o gañador, e 1500 euros para outros dous concursantes que queden finalistas. O cartel que resulte premiado empregarase na campaña publicitaria da adega galega do ano seguinte.

Imaxe corporativa

O concurso leva o nome do artista galego Francisco Mantecón, que deseñou a imaxe corporativa destas adegas e que, segundo expresou José María Fonseca na presentación, "foi amigo, artista e a persoa que, desde que naceu a adega hai trece anos nos soportou de tal xeito, que teño que dicir que os primeiros proxectos terían sido imposíbeis sen el".

Como homenase ao artista e intelectual, moi achegado aos grupos pictóricos de vangarda, o certame contituíuse o ano pasado para unir o mundo do viño co do deseño.

Mentras que a primeira edición convocouse só a escala nacional, e nela presentáronse 56 carteis, este ano o concurso esténdese ao eido internacional. Javier Mariscal expresou onte o grande honor e pracer que significa para el a participación como xurado, e destacou a "dinámica evolución" que percorre o viño nos últimos 20 anos en España.

La Razón, 17 xullo 2003

Javier Mariscal elixirá a imaxe publicitaria para Terras Gauda

Bodegas Terras Gauda presentou onte a II Edición do Concurso Internacional de Deseño de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón, o único deste tipo que se convoca no sector vinícola. O concurso é unha homenaxe a Mantecón, creador da imaxe corporativa das bodegas, e a obra premiada será o soporte fundamental sobre o que xire a campaña publicitaria de Terras Gauda o vindeiro ano.

A participación de Javier Mariscal no xurado garante a calidade do certame, ó contar así coa experiencia e o criterio dun deseñador cunha extraordinaria traxectoria profesional, puntal de vangarda do deseño mundial.

La Región, 10 xullo 2003

Mariscal está no Mantecón

A Adega Terras Gauda presentou onte a II edición do Concurso Intenacional de Deseño de Carteis Publiciatarios "Francisco Mantecón", dotado cun premio de 6.000 euros e dous accésits.

O concurso contituíuse o pasado ano para asociar o mundo do viño co deseño, en homenaxe a Francisco Mantecón, creador da imaxe corporativa destas adegas galegas, que teñen como buque insignia a Terras Gauda, un viño a base de uva Albariño e uva Loureira e Caíno. Tamén quere ser unha plataforma para os novos creadores e recuperar o papel e a tradición que o cartelismo tivo no eido da publicidade, segundo asegurou na presentación o presidente das adegas, José María Fonseca.

Destacou a presencia no xurado do deseñador Javier Mariscal, ao sinalar que o seu apoio supón unha "importante aposta" e un paso adiante neste sentido. Fonseca resaltou o "éxito de participación da pasada edición do concurso", á que se presentaron máis de 60 obras, das que 13 resultaron finalistas. O primeiro premio fio para Modesto Martínez. Para esta edición, Fonseca espera superar o número de participantes e consolidar así este premio como un referente no sector do deseño.

Adega de Pontevedra

Presidida por José María Fonseca desde a súa fundación en 1990 no Rosal (Pontevedra), esta adega que posúe viñedos propios, asentados no val do Rosal, preto da desembocadura do Miño, recibiu numerosos premios nacionais e internacionais.

Bodegas Terras Gauda conseguíu penetrar nos mercados internacionais, como Estados Unidos, Alemaña e Suiza.

Diario de Pontevedra, 9 xullo 2003

©2003 Bodegas Terras Gauda, S.A.